Bitácora de aula

Bitácora de aula que amosa algunhas tarefas do ámbito lingüístico-social do PDC do CEE de Panxón

mércores, 29 de maio de 2013

Curtametraxes educativas

No blog Crea y aprende con Laura, vaia nome!, hai unha manchea de curtas interesantes sobre temas educativos tan diversos como a arte de Vicent Van Gogh, a situación laboral actual, pelis de Tim Burton, interculturalidade, e moito máis, pasan de 150.
Podemos botarlles unha ollada e ver algún para logo comentalos por escrito.

No mesmo blog hai tamén un bo número de actividades de Lengua.

En Cinescola hai comentadas películas actuais para Primaria e Secundaria. Aínda que está escrita en catalán estou segura que entenderemos os comentarios e actividades propostos. Queres probar? Este pode ser o teu bautismo na lingua do leste ibérico!

luns, 13 de maio de 2013

Santa Compaña

No cuestionario que completastes sobre Roberto Vidal Bolaño, baseado no telexornal do CPI Dos Dices, ao final falábase da Santa Bolaña, procesión que facían un grupo de actores  por Santiago onde utilizaban a figura do homenaxeado nas Letras 2013.
A Santa Bolaña está inspirada na Santa Compaña, procesión de mortos moi viva no noso folclore popular. Para  que coñezas mellor esta crenza visita o que dela di a Galipedia, le a lenda que recolleu Lois Carré Alvarellos e mais podes ver a seguinte curtametraxe de Pablo Cacheda.

 

martes, 7 de maio de 2013

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Ficha para cubrir tras a lectura da novela.

No club de lectura A nora dos libros do IES A Pastoriza de Arteixo (A Coruña), un grupo de alumnos e alumnas e algúns profesores realizaron un interesante e completo traballo  sobre a novela e a película nunha aplicación chamada iSpring. Bótalle unha ollada, a ver que che parece.

A formación do plural

Velaquí unha presentación sobre a formación do plural en substantivos e adxectivos, onde unimos teoría e práctica. A ver como se che dá esta actividade...


xoves, 2 de maio de 2013

LETRAS GALEGAS 2013: Roberto Vidal Bolaño


Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao autor teatral Roberto Vidal Bolaño. Achegarémonos á súa vida e obra por medio do Telexornal que elaborou Luís Aldegunde co seu alumnado do CPI Os Dices de Rois, na Coruña. Tras o seu visionado, contestaremos ao cuestionario que preparamos desde a biblioteca O bosque de levas do noso centro e, ao final, aínda vos podedes atrever co interactivo de Ilda Vázquez na orixinal aplicación blubbr, encontrarédelo no seu blog Linguas próximas (post do 28 de abril de 2013).

mércores, 1 de maio de 2013

LER non é clandestino

Orixinal mensaxe desde a biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei onde hai profes e alumnos que teñen moita imaxinación, ademais de seren bos actores. Con esas ferramentas invítanos a entrar na biblioteca para que nos atrevamos a ler...

LIBROS no cine


Coñeces algún dos libros ou autores que se mencionan nestas películas? Vexamos quen son. Por parellas buscade información sobre dous autores da vosa elección e dúas das súas obras máis representativas.