O profesorado responsabiliza do problema
- ás familias, que lles dedican pouco tempo aos fillos;
- á Administración, que non acompaña cos medios necesarios (mellores equipamentos, máis profesores, formación...);
- á ausencia de certos valores na sociedade e no alumnado, como a disciplina e esforzo.
Seguramente os fallos do sistema non son atribuíbles a un só colectivo. Cómpre ter en conta varios aspectos. O profesor xa non representa unha autoridade coma antes. Pasa un terzo da clase tratando de manter a disciplina, outro terzo xustificando para que vai servir o que pretende ensinar, e no que queda de clase explica o tema ao que ninguén atende. O sociólogo Fernando Gil expón que "o profesorado se enfronta aos alumnos máis desorientados da historia. Sen o apoio de crenzas relixiosas e ideolóxicas, aboian á deriva do consumismo e da Rede. Teñen os pais máis permisivos da historia, con problemas para exercer a autoridade, o que se observa moi ben cando hai tensións no centro, porque se posicionan máis do lado do fillo-alumno ca do lado do profesor".
O debate é complexo porque abrangue temas como a disciplina, qué ensinar e cómo. Pero como profe creo que é preciso empezar por facer algo de autocrítica, que ante este panorama pensemos, parafraseando a JFK, que podemos facer nós para mellorar as nosas clases e motivar ao noso alumnado.
A primeira idea que me vén á cabeza é como podo facer para integrar a utilización das novas tecnoloxías na miña clase de lingua e literatura. Decátome de que para empezar hei de realizar un esforzo por actualizarme, por pórme ao día nun tema no que o alumnado me leva certa vantaxe. Máis a utilización desta nova medicina non garantiza o éxito.
Hai pouco dei casualmente no blog TotemGuard de Meritxel Viñas cun artigo sobre a motivación que me pareceu interesantísimo e que debería ser o alicerce sobre o que os profesores programaramos as nosas clases. Nel asegúrase que os premios e castigos non funcionan se se require esforzo e creatividade para unha tarefa, que non sosteñen a motivación a longo prazo. Mesmo se demostrou que matan a creatividade. As tres claves que funcionan no camiño da motivación e o mellor rendemento son a autonomía, a mestría e o propósito, así o explica Daniel Pink, escritor e xonalista norteamericano, no seu libro La sorprendente verdad sobre lo que nos motiva.
Mellorar a motivación conséguese por medio de:
- Dar autonomía aos alumnos para que escollan ónde e cómo obter os coñecementos. Explicar claramente os obxectivos do proxecto e os resultados que esperamos, pero cada un ten liberdade para buscar o seu camiño para cumprir o obxectivo.
- Conseguir mestría fai referencia ao noso desexo de mellorar, é o motivador máis importante. Para desenvolvelo debemos tomar como partida as fortalezas e intereses dos nosos alumnos e alumnas.
- Entender o propósito que está detrás dun proxecto de aula, ver a súa utilidade dentro do seu futuro profesional.
Conclusión: ante os novos retos da educación na actualidade, o profesorado debe realizar un esforzo por se re-formar. Por unha banda, atender ao uso das TIC na aula e, por outro, ter en conta a motivación do alumnado e utilizar novos métodos de ensino-aprendizaxe que acollan a toda a diversidade de alumnos que hoxe hai nas aulas.
Fontes:
- La sorprendente verdad sobre lo que motiva a los alumnos, post de Meritxel Viñas no blog de TotemGuard.
- Reportaxe de J.A. Aunión en El País do 18 de xullo de 2009, titulado La era del profesor desorientado.
- Wikiquote, colección libre de citas e frases célebres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario